Vacacións con Traballo

Blog sobre o programa de voluntariado en países do sur dirixido ao persoal das administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Dous Santiagos

Moi boas!

O meu nome é Yolanda Ferro e, no presente ano 2018, fun seleccionada para a praza de voluntaria “Técnico de turismo rural” convocada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro do programa “Vacacións con Traballo 2018”, praza que ten por parceiro ao Municipio de Santa Cruz, na Illa de Santiago, en Cabo Verde. Alí viaxarei o vindeiro mes de outubro, aínda que a miña singradura empeza hoxe aquí, con esta primeira publicación no blog do programa, na que paso deseguido a presentarme.

Foto: Iago Rodríguez

Traballo dende hai uns 15 anos no Concello de Santiago de Compostela, na entidade encargada da xestión turística municipal: Turismo de Santiago de Compostela. O meu traballo no departamento de marketing e comunicación, inclúe o deseño, planificación, coordinación e supervisión de programas, eventos e produtos, así como a comunicación on-line e off-line dos mesmos.

A maiores, exercín durante 3 anos de coordinadora técnica do grupo de 16 Concellos para a promoción turística conxunta “Área Santiago”, que incluía aos municipios rurais de toda a contorna. Foi esa experiencia profesional a que me permitiu afondar na problemática específica do turismo rural desde a perspectiva da administración local, e de aí a miña adecuación para esta praza convocada polo FGCS.

Polo demais, os campos de traballo da miña preferencia no eido do turismo son os seguintes: planificación turística, ética do turismo, turismo responsable, turismo sostible, mulleres e turismo, desenvolvemento local, turismo familiar, patrimonio cultural e natural e comunicación social e turismo.

Grazas ao meu traballo, teño feito un bo número de viaxes internacionais, ben para negociar con distintos axentes ou para executar accións de convenios bilaterais. Ademais, no que a voluntariado se refire, teño participado en programas de promoción local a través do turismo en México, Xapón e Sicilia.

Por tratarse de contactos específicos coa plural e riquísima realidade do continente africano, destaco aquí as miñas experiencias como voluntaria en setembro de 2016 e abril de 2018. A primeira comprendeu un mes de traballo no territorio Masai de Engaruka, Tanzania, onde traballei como voluntaria da Universidade de York, Reino Unido, dentro dun proxecto arqueolóxico sobre sistemas agrícolas tradicionais e tecnoloxías indíxenas e como esas poden integrarse nos discursos actuais de desenvolvemento e na formulación das políticas internacionais medioambientais.

A segunda, no pasado mes de abril, consistiu nunha serie de xuntanzas e visitas nos campamentos de refuxiados de Tinduf cos principais axentes saharauís relacionados coa cooperación internacional: Ministerios saharauís de Educación, Cultura, Xuventude e Cooperación, Unión Nacional de Mulleres Saharauís, Asociación de Familiares de Presos e Desaparecidos Saharauís (Afapredesa), etc.

Estes que acabo de relacionar foron algúns dos principais aspectos que destaquei na carta de motivación que acheguei coa miña solicitude ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que entendo propiciaron a miña elección neste interesantísimo programa de voluntariado internacional para persoal da Administración, “Vacacións con Traballo”.

Remato xa este meu post inicial. No seguinte, tentarei facer unha breve aproximación á realidade turística do destino do meu voluntariado: o municipio de Santa Cruz, na Illa de Santiago, en Cabo Verde.

Información

Esta entrada foi publicada o Agosto 2, 2018 por en Blogs 2018,Cabo Verde 2018.