Vacacións con Traballo

Blog sobre o programa de voluntariado en países do sur dirixido ao persoal das administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Porto Madeira

Chegando a Porto Madeira.

A menos de trinta minutos de Praia, a capital do país, fica situada Porto Madeira, unha pequena zona do municipio de Santa Cruz. Illada e única, atópase encaixada entre montañas, na encosta do monte Videla, unha das principais elevacións da Illa de Santiago. A pesar do seu nome, non está a pé do mar, senón a uns 6 km, máis ten con el contacto visual. A súa localización permite que se desfrute de belas paisaxes rurais, da montaña e mesmo do litoral.

As aldeíñas contiguas que compoñen o núcleo principal de Porto Madeira -Cruz, Lém Barbosa, Pizarra, Belém e Achadinha- teñen unha poboación estimada en 300 e pico habitantes, que viven da agricultura de sequeiro, practicada na época de choivas (millo e feixóns, principalmente, máis algunha tabaqueira) e a gandería (porcos, cabras, ovellas, vacas, polos, patos…). Hai dúas escoliñas, unha de infantil e outra de primaria, en Belém e Lém Barbosa respectivamente. Aló aínda non chegou a rede de saneamento, pero si a auga corrente, polo menos unhas horas ao día, e tamén a electricidade, aínda que non todas as vivendas contan con conexión ás mesmas.

Cruz, a primeira aldeíña de Porto Madeira.

O transporte maioritario da poboación é do tipo “Hilux”, en referencia a ese modelo de vehículo da marca Toyota, transporte colectivo que percorre as aldeas un número indeterminado de veces ao día, xa que dependen para circular de encherse de pasaxeiros, o que pode demorarse máis ou menos, segundo os días.

Hilux “de marca”.

Polo demais, desde o ano 2008, en que comezou a posta en valor que se describe máis abaixo, practicamente toda a veciñanza amosou a súa dispoñibilidade para aloxar visitantes nas súas casiñas rurais. Sen embargo, malia as actuacións de sensibilización e formación e o acondicionamento efectuado nas mesmas, as condicións aínda non son as necesarias. Co servizo de restauración acontece máis ou menos o mesmo que co aloxamento, xa que non habendo un establecemento específico, si é factible, ou esa foi a pretensión daquela, encargar a comida ás propias familias que realizasen o acollemento turístico.

Foi aí, en Porto Madeira, onde pasou a súa infancia a artista plástica Misá e alí regresou para, en 2008, arrancar un proxecto de desenvolvemento a través da arte e do turismo rural e ecolóxico, que puxo a Porto Madeira no mapa. Desde aquela, a zona conta con esculturas e pequenas intervencións artísticas elaboradas por un grupo de artistas xunto coa poboación local co obxecto de embelecer o lugar.

A artista Misá.

Escultura “Anjo da morabeza”, toda unha icona de Porto Madeira.

En Cabo Verde, como en tantos outros lugares de África, as achegas económicas necesarias para a materialización destes proxectos dependen en boa medida das axencias de cooperación internacional dos distintos países. Para elo, as entidades de cooperación precisan da participación de asociacións de base, formal e oficialmente constituídas, que ademais de garantes do interese comunitario da iniciativa, actúen como promotoras e executoras das accións, sendo así que, se non existe unha asociación desas características, hai que creala para poder recibir os fondos da axuda internacional.

No caso do proxecto de Porto Madeira, actuaron como promotoras a ONG Intercultural ABIDJAN, en parcería coa asociación AJUP (Associação Jovens Unidos de Porto Madeira). O proxecto concretouse grazas fundamentalmente ao salientable apoio en 2008 da Cooperación Española, á que se sumou un ano máis tarde a Cooperación Luxemburguesa, e contou ademais coa participación doutras entidades, destacando entre elas os Ministerios de Cultura e Finanzas de Cabo Verde, a propia Cámara Municipal de Santa Cruz e o Centro Cultural Francés de Cabo Verde.

Así comezou este proxecto, cuxa faceta máis visible foi a realización de actividades artístico-culturais, pero que tiña igualmente o obxectivo de crear condicións favorables para o desenvolvemento do turismo rural baseado no respecto polo medio ambiente e o patrimonio, proporcionando ao mesmo tempo oportunidades de emprego á poboación local e valorizando o “saber facer” tradicional, en gastronomía, cestería, escultura en madeira ou medicina tradicional, etc. Buscábase tamén ofrecer un modelo alternativo de turismo sustentable, para aqueles que buscan a tranquilidade, o contacto coa natureza ou o intercambio de experiencias artísticas e culturais.

Con Dona María, unha das mulleres de Porto Madeira, dispostas para acoller e cociñar para os visitantes.

Como xa foi dito, a primeira fase levouse a cabo en 2008, grazas a un importante apoio da Cooperación Española a través da AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación).

Entre outras actuacións, efectuouse entón a rehabilitación das casas do núcleo de Belém, acondicionáronse cuartos para hóspedes (destinados a ser xestionados pola AJUP), salas de baño públicas, e pequenas explanadas no exterior de varias casas da propia veciñanza para que eles mesmos fornecesen o servicio de restauración. Reconstruíuse a pequena escola rural, que fai tamén as veces de espazo cultural e museo dalgunhas pezas artísticas daquela elaboradas, e construíuse o anfiteatro “Rotunda da Meia Lua” ao aire libre para actividades artístico-culturais.

Exterior dunha das casiñas que ofrecen aloxamento a visitantes.

Cuarto para hóspedes.

Cociña tradicional nunha das casas que acollen turistas.

Puxéronse ademais en valor varias sendas, bautizadas con nomes suxestivos. O “Caminho poético”, de 4 km, parte do anfiteatro de Belém. O “Caminho do Paraiso”, en Cruz, sube ata a cima do monte de Bandeira. O da “Ribeira do Amor”, en Lém Barbosa, conduce á residencia para artistas entón remodelada -un aloxamento específico de artistas que querían facer a súa contribución desenvolvendo obradoiros da súa especialidade-, en cuxo exterior hai  unha praciña circular con esculturas dedicadas á muller.

Sendeiro “Caminho poético”.

Residencia de artistas na “Ribeira de amor”.

Outra imaxe do exterior da residencia de artistas.

Patio interior da residencia para artistas.

A cociña da vivenda para artistas residentes.

A praciña da “Ribeira de amor”, con esculturas dedicadas á muller.

Ademais, as dez casas da pequena aldea deshabitada de Achadinha, foron acondicionadas para acoller a artistas das dez illas de Cabo Verde e, no núcleo de Cruz, construíuse un miradoiro que daba entrada a Porto Madeira.

Sumaron vinte os artistas chegados en setembro de 2008. Eles foron, coa axuda dos habitantes, os autores das actuacións pictóricas e escultóricas que aínda hoxe son visibles en Porto Madeira, se ben é certo que na súa meirande parte cun notable grao de deterioro.  Un ano máis tarde, a cooperación luxemburguesa financiou o arranxo  e embelecemento da rúa vertebradora de Porto Madeira, que deron en chamar “Avenida dos Artistas”.

Arte nos muros.

Agora, en 2018, a Cámara Municipal de Santa Cruz está en condicións de retomar este proxecto. Por elo, no pasado mes de xuño o alcalde e outros membros do goberno municipal achegáronse a Porto Madeira para socializar coa comunidade local as accións a levar a cabo entre 2018  e 2021, financiadas polo Fundo de Turismo, por un valor de 13.816.000 CVE (uns 125.000 €) e consistentes, tal como figura no BO (Boletim Oficial de Cabo Verde), na “Construção do Miradouro de Monte Videla e Reabilitação de 10 Casas para Pousadas Rurais em Porto Madeira”.

Por outra parte, o pasado 17 de outubro, o concelleiro de turismo, máis os técnicos municipais do gabinete de urbanismo, desprazáronse á zona para valorar, guiados pola artista Misá, outras necesidades de mantemento e rehabilitación que permitan a Porto Madeira mellorar as condicións de vida dos habitantes e posibilitar a visita de turistas. A esa visita uniuse tamén, co fin de afondar no coñecemento directo dese territorio, o gabinete de turismo, composto nestes días polas dúas técnicas habituais, máis dous estudantes en prácticas, e eu en calidade de asistencia técnica chegada a través do programa “Vacacións con Traballo” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

porto-madeira-con-misc3a1-41.jpg

Con Dona Melia, en Lém Barbosa.

Desde unha perspectiva turística, ademais deses investimentos previstos antes citados, é preciso garantir unha serie de servizos turísticos mínimos, o que pasa por unha axeitada xestión das unidades de aloxamento, e a existencia dalgún servizo de restauración ou tenda de comestibles. Ademais, é indispensable que esas accións necesariamente se completen cunha axeitada promoción, que inclúa os contactos cos posibles comercializadores (turoperadores, axencias e guías locais) da capital, Praia, punto de entrada e saída de todo o turismo que recibe hoxe en día a illa de Santiago.

A maiores, é preciso enriquecer o destino “Porto Madeira” cunha acorde oferta de actividades,  retomando, en primeiro lugar os pequenos sendeiros desta zona, que cómpre sinalizar e manter, e propoñendo así mesmo excursións a pé a outras áreas de altísimo interese na contorna: Ribeira de Mangue e Ribeira de Kumba, principalmente, así como outras actividades de contacto coa natureza e coa esencia do lugar (agricultura ecolóxica, ioga e meditación na natureza, paseos en burro, bicicleta, etc.).

Para elo, é fundamental a participación da comunidade anfitrioa que, para producirse, precisa do traballo constante de dinamizadores da propia comunidade, cun forte compromiso e credibilidade entre a veciñanza. Este foi o papel que estivo a desenvolver ao longo destes anos fundamentalmente a artista Misá, pero que precisa fortalecerse coa implicación de máis  axentes entre os habitantes da zona.

Na casa “do Pedete”.

Eles, os habitantes, son os que día a día participarán na construción, mantemento e conservación desa paisaxe, desa cultura, ou tamén, se cadra, na súa destrución. Son os que se encargarán de rozar os sendeiros cando queden inaccesibles, os que dean parte á Cámara Municipal das necesidades de arranxo da vía, das avarías nos baños públicos, etc. Ademais, nesta nova etapa é moi desexable o tesón dos técnicos municipais de desenvolvemento local e dos de turismo, e por descontando, o compromiso, blindado no tempo, da propia Cámara Municipal.

Visita de técnicos municipais, o 17 de outubro.

Todos eses son requisitos esenciais para o desenvolvemento turístico de Porto Madeira, que presenta por outra parte unha debilidade nada desdeñable: a dunha comunidade que viviu hai dez anos, en 2008, un período de ilusións e promesas, que viu como ía esmorecendo aquel soño do que apenas restan unhas delatadoras intervencións artísticas, que lembran cada día o que puido ser e non foi. É moi posible que a súa motivación e implicación sexa dobremente difícil de conseguir agora que xa pasaron pola dor da descrenza.

Porto Madeira conta, sen embargo, cunha importante vantaxe. Pola difusión da que ten sido obxecto, en webs, blogs, redes sociais, e mesmo guías turísticas, resultado da tenacidade da Misá, xa se ten convertido nunha marca de seu, que conta incluso cun certo posicionamento no mercado turístico, e á que se lle atribúen unha serie de valores de gran potencial turístico na actualidade, grazas a escolla de “neo-topónimos” como “Camiño do Paraíso”, “Anjo da Morabeza”, etc.

É dicir: o traballo de “marketing” está en gran medida feito, máis cómpre afondar nel e, sobre todo, dotalo de valor turístico real.

Paisaxe na estación das choivas, desde o miradoiro de Cruz.

Máis info: http://www.portomadeira.org/ e http://portomadeiranatela.blogspot.com/

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Información

Esta entrada foi publicada o Outubro 25, 2018 por en Cabo Verde 2018.
%d bloggers like this: