Vacacións con Traballo

Blog sobre o programa de voluntariado en países do sur dirixido ao persoal das administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

É complicado – Estamos juntos

“É complicado” e “Estamos juntos”. Dúas expresións moi escoitadas aquí, máis significativas e fondas do que puidera parecer. A primeira fala de dificultade. A segunda emprégase nas despedidas para expresar a esperanza no poder da colectividade nun contexto pouco favorable. Con elas empezo este resumo, anunciado no meu “Preludio”, sobre o estado da xestión turística municipal de Santa Cruz, en Cabo Verde, na illa de Santiago.

Ribeira Seca, municipio de Santa Cruz.

Actualmente, o municipio de Santa Cruz non conta cunha planificación turística con estratexias definidas a medio e longo prazo. As iniciativas turísticas que se desenvolven, dependen por unha parte dos plans aprobados pola Cámara Municipal anualmente, que derivan pola súa vez do plan de goberno local cuadrienal, elaborado ao inicio da lexislatura. Estas accións así planificadas enténdese que están aliñadas, ou polo menos non son contraditorias, co establecido no Plan Director Municipal, elaborado en 2009 e aínda vixente, que é o documento marco da acción municipal.

Pedra Badejo, capital do municipio de Santa Cruz.

Igualmente, a acción municipal, malia a forte aposta polo desenvolvemento local e a descentralización que é característica deste país, debe enmarcarse no PEDS, o Plano Estratéxico de Desenvolvimento Sustentável de Cabo Verde, que emana do goberno central e fixa as “metas desafiantes para o período 2017/2021”.

Por outra parte, as iniciativas de carácter turístico que desenvolven a Cámara Municipal santacruzense (CMSCZ), están fortemente condicionadas pola oportunidade, no sentido de que teñen unha gran dependencia do apoio internacional (UE, Axencias de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, etc.), e polo tanto buscan adaptarse aos requirimentos das convocatorias e aos obxectivos das entidades convocantes. O anterior condiciona así mesmo a necesidade de adecuarse e mesmo contribuír, o que non deixa de ser paradoxal, aos para eles tan familiares, por omnipresentes, ODS, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polas Nacións Unidas para 2030.

É preciso ter en conta, ademais, que o estadio de desenvolvemento turístico neste municipio é embrionario, e presenta moitas feblezas, e que a meirande parte das accións, máis que propiamente turísticas, no sentido de promocionais, teñen o obxecto fundamental, como por outra parte é lóxico tendo en conta o actual estado da cuestión, de servir ao desenvolvemento local. Polo tanto é esa visión do desenvolvemento comunitario, a que guía e debe guiar a estratexia turística, e con ela debe coordinarse toda a acción en materia de turismo, aínda que operativamente na actualidade ambos departamentos municipais, desenvolvemento local e turismo, dependan de distintas concellerías e haxa entre eles unha interrelación mellorable.

Miradouro da Barragem de Figueira Gorda, municipio de Santa Cruz.

Sen embargo, e volvendo ao inicio, hai que ter en conta que a inexistencia dun plano turístico en canto tal, obstaculiza o desenvolvemento deste sector, xa que o plano é a ferramenta que fixa as “visións” do desenvolvemento do turismo para o municipio nos próximos anos, e polo tanto a prioridade das actuacións.

Así, o Plano Municipal de Desenvolvemento Turístico Sustentable, ou Plano Estratéxico de Turismo Sostible, será un instrumento de traballo fundamental para Santa Cruz, a elaborar conxuntamente polo persoal técnico de Desenvolvemento Comunitario e o de Turismo, e posteriormente consensuado cos grupos políticos e a sociedade santacruzense, xa que é un documento esencial, destinado a perdurar unha vez finalizada a actual lexislatura, que se atopa actualmente no seu ecuador.

Neste sentido, destacar que o veciño municipio de Tarrafal, con forte posicionamento turístico baseado no sol e praia en comparanza con Santa Cruz, vén de publicar o pasado 27 de setembro de 2018, Día Mundial do Turismo, o seu “Plano Estratégico para o Desenvolvimento do Turismo no horizonte 2019-2021”. Tendo en conta a proximidade de Santa Cruz e Tarrafal, a necesaria complementariedade entre municipios veciños, e a pertenza de ambos á mesma rexión, Santiago Norte, ese plano acabado de publicar constitúe unha experiencia valiosísima da que sería conveniente que Santa Cruz se aproveitase.

Praia do municipio de Tarrafal.

Praia de Achada Ponta, municipio de Santa Cruz.

Para a elaboración do citado PETS (Plano Estratéxico de Turismo Sustentable) será fundamental, antes que nada, recompilar, analizar e clasificar toda a información de interese turístico do territorio municipal, o que inclúe non só a información sobre os atractivos turísticos en si, senón tamén sobre a lexislación aplicable, os planos a ter en conta (PEDS, Plano Director Municipal, Plano de Desenvolvemento Local, Plano Cuadrienal elaborado ao inicio da lexislatura, planos anuais municipais dos últimos anos, etc.) e sobre os proxectos que se teñan elaborado, estean en fase de execución ou en espera á procura de financiamento.

Así, para comezar é prioritario actualizar con urxencia as actuais informacións de interese turístico e afondar no coñecemento do territorio desde unha perspectiva turística, xa que:

  • O Inventario dos Recursos Turísticos actual é de febreiro de 2013: moito ten mudado nestes máis de cinco anos e medio que teñen transcorrido desde que o citado catálogo fose elaborado pola Dirección Xeral de Turismo do goberno central, ao carecer daquela o municipio dos recursos mínimos para a súa redacción.
  • Hai atractivos que hoxe a CMSCZ está a potenciar que non están no Inventario (xeoloxía, e nomeadamente as “marabillas” xeolóxicas de Santa Cruz, o miradoiro da Barragem de Figueira Gorda; a paisaxe rural, con especial atención a agrícola, etc., elementos todos que como xa foi dito non recolle o citado Inventario).
  • Hai atractivos que figuran no Inventario dunha forma residual pero que hoxe están situados no centro do discurso turístico da CMSCZ, como é o caso da gastronomía e da música.  Así, o Festival Internacional da Banana é unha das accións centrais para 2019, polo que a gastronomía, e por extensión a produción agraria, principal trazo de identidade deste territorio, teñen que ter un lugar destacado no inventario de atractivos municipais, cun discurso de seu. Outro exemplo é a “Rota da Carne”, xa en marcha, que é outra das principais accións municipais de interese turístico. Tampouco aparece o Mercado Municipal, sendo como é un expoñente dos produtos da zona. Sendo isto así, é obvio que a gastronomía ten que ter un protagonismo maior no Inventario Turístico. É ídem no caso da música, entre outros.
  • O antedito Inventario recolle topónimos e nomes de recursos que varían segundo os documentos, topónimos que convén unificar a efectos de promoción e co fin de lograr unha maior claridade da información turística (p.ex. a Praia de Area Branca é a Praia dos Amores noutros documentos, etc.).
  • Hai, ademais, proxectos de impacto turístico que se teñen realizado nos cinco anos e medio transcorridos desde a elaboración do citado Inventario e que convén rexistrar nesa actualización que esta a propoñer (ademais da antedita Feira Internacional da Banana, co impacto que se espera teña na axenda anual da localidade, o proxecto para Porto Madeira, a Rota da Carne ou da Ribeira Seca, da que xa se falou máis arriba, etc.).
  • Por último, pero non menos importante, hai que ter en conta que moitos dos servizos de apoio ao turismo teñen mudado, e non necesariamente para mellor, nestes anos: locais de restauración, aloxamentos, etc.

A necesidade de actualizar e afondar no coñecemento do territorio santacruzense é especialmente relevante no caso do RURAL, que é a prioridade a día de hoxe (turismo rural e de natureza son os produtos turísticos estabelecidos como preferentes). Polo seu illamento tradicional e as súas dificultades de acceso, escaseza de sinalización, etc. a falta de información detallada é aínda máis apremante no caso do rural, sexa en Santa Cruz ou en Galicia.

Illada praia de Mangue, municipio de Santa Cruz.

É a anterior reflexión a que está a guiar o sentido do noso traballo nestes semanas de outubro, coincidindo coa miña estancia como asistencia técnica voluntaria dentro do programa “Vacacións con traballo”. Nesa tarefa, ademais do equipo técnico municipal, no que me inclúo, están a participar os propios políticos da localidade, e tamén, con refrescante ánimo e profesionalidade, o propio Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Oficina Técnica de Coordinación da AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento) en Cabo Verde.

É complicado”, pero posible, se “Estamos juntos”.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Información

Esta entrada foi publicada o Outubro 17, 2018 por en Blogs 2018,Cabo Verde 2018.
%d bloggers like this: