Vacacións con Traballo

Blog sobre o programa de voluntariado en países do sur dirixido ao persoal das administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Preludio

Foto: web municipal http://www.cmscz.cv

Nuns días comeza o meu voluntariado internacional no Concello de Santa Cruz, na illa de Santiago, en Cabo Verde. A principal tarefa a desenvolver, dentro do marco da miña colaboración con esa administración local, tal como adiantei na publicación anterior, ten que ver co fomento do turismo rural nese municipio.

Sen embargo, antes de describir as iniciativas que nese eido a Cámara Municipal está a desenvolver, que serán obxecto dunha publicación posterior, é preciso presentar brevemente o municipio de Santa Cruz.

Escudo de Santa Cruz, cos principais elementos que o definen: o sol, o mar, os cultivos (bananas), a música… e a Santa Cruz.

Santa Cruz foi elevado á categoría de concello no ano 1971. Está situado na rexión leste da illa de Santiago, a maior do arquipélago de Cabo Verde, a 42 km de Praia, a capital do país, e ten como núcleo principal a Vila de Pedra Badejo, no litoral do municipio.

Con 112 km2 de superficie* (similar a Vigo), engloba 24 localidades e un total  de 26.190 habitantes (INE 2017), o que supón preto do 5% da poboación do país. A súa densidade poboacional é de 259 hab/km2 (en Galicia ronda os 91 hab/km2). A idade media da poboación de Santa Cruz é de 27,6 anos (a galega alcanza os 46,76 anos, segundo o IGE 2017).

Dos datos do INE para o ano 2017 despréndese que o municipio de Santa Cruz presenta unha taxa de desemprego do 5,8% (a de Santiago de Compostela, para ese mesmo ano, é do 12,72%). Sen embargo, cómpre ter en conta que a taxa de subemprego nese municipio caboverdiano é do 29,8% (a media española en 2017 sitúase no 7,7%).

As seguintes imaxes ilustran outros aspectos significativos do municipio de Santa Cruz.

 

 

PRINCIPAIS ACTIVIDADES ECONÓMICAS

As principais actividades económicas do municipio son a agricultura de regadío e de secaño (o municipio posúe unha das maiores extensións de cultivos de regadío do país, nos que destacan as hortalizas e as bananeiras), a gandería e a pesca artesanal.

A actividade agrícola está fortemente afectada polas “secas”, que diminúen o caudal dos cursos fluviais e o nivel dos pozos, e pola consecuente gradual salinización dos solos, que non depende unicamente  das secas, senón tamén da sobreexplotación da auga subterránea, da extracción de area das praias e da práctica do sistema de rego por asolagamento.

A pesca artesanal, que tradicionalmente representou a base de subsistencia de moitas familias do litoral, está hoxe en día en retroceso. Nesas comunidades costeiras, as actividades económicas da pesca e da agricultura teñen sido practicadas en paralelo. O informe “Breve Caracterização do Município Santa Cruz”, elaborado pola ANMCV (Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos) no ano 2014, sinala que debido ás baixas capturas, moitos dos pescadores migran para as illas de Boavista e Maio, onde existe un potencial extractivo maior.

En relación á gandería, recolle o informe antedito as seguintes necesidades: mellora de formación dos criadores na produción, recollida e conservación dos pastos; introdución de razas melloradas e construción de currais e porqueiras co fin de minimizar a degradación dos solos e do manto vexetal.


TURISMO

Tal como recollen diversos informes e planos estratéxicos das entidades competentes tanto a nivel estatal como municipal, o turismo, malia pouco explorado, pode ser unha saída para o desenvolvemento socioeconómico do municipio. Isto é así por posuír Santa Cruz condicións xeográficas e naturais atraentes tanto para o turismo rural e de natureza, como para o turismo de sol e praia, potencialidades que deben ser aproveitadas de cara a aumentar as posibilidades de ingresos da poboación, especialmente da rural.

Por outra parte, o Plan Director Municipal vixente identifica como un dos seus obxectivos (e non unicamente en materia de turismo, senón con carácter xeral) o seguinte: “Potenciar as singularidades do municipio e a súa diferenciación, e ao mesmo tempo a súa complementariedade con respecto aos municipios veciños”.

Na seguinte publicación, tentarei seguir debullando as liñas estratéxicas da acción municipal en materia de turismo nos últimos anos. Centrareime ademais  nun dos principais proxectos actuais, que é no que se concentrará a miña colaboración, proxecto que se basea na localidade de Porto Madeira, e que nunha das últimas aparicións nos medios aparece con este título tan suxestivo: “Cabo Verde 6º continente de arte e cultura – a união do Mundo das aldeias criativas”.


*Superficie variable en función da fonte consultada, PDM ou ANMCV (Asociación Nacional dos Municipios Caboverdianos). Segundo esta última tería 149,30 Km².

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Información

Esta entrada foi publicada o Setembro 26, 2018 por en Cabo Verde 2018.
A %d blogueros les gusta esto: